Tuesday 16 de April de 2024

Galicia pide en Bruxelas que non se poñan en cuestión os logros do espazo Schengen


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas no primeiro pleno do ano no Comité das Rexións

O pleno do Comité das Rexións, celebrado onte día 10 de febreiro e hoxe en Bruxelas, deu o visto bo a unha resolución tramitada pola vía de urxencia na que se pide aos Estados membros e ás autoridades comunitarias unha política sostible, construtiva e coordinada fronte ás ameazas que se cernen sobre o espazo Schengen. O texto sinala que a reintrodución permanente de controis fronteirizos “non pode ser a resposta aos anhelos dos cidadáns da UE de maior seguridade e protección do seu nivel de vida”.

O primeiro pleno do ano no Comité das Rexións, no que Galicia estivo representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reivindicou os logros económicos, sociais, territoriais e simbólicos acadados pola supresión de controis nas fronteiras interiores en 26 países europeos. O órgano consultivo avoga fronte á actual afluencia de refuxiados ás portas de Europa por un “enfoque común e ambicioso” contra solucións simplistas ao problema.

A modificación da normas que rexen o espazo Schengen, estreitamente vinculado ao mercado único, suporía, segundo o texto aprobado polo Comité das Rexións, graves prexuízos no eido laboral e para os investimentos en moitos países europeos, cun total de 1.700.000 traballadores transfronteirizos e cun volume de 57 millóns de desprazamentos por estrada entre estados.

Ademais, os representantes locais e rexionais reunidos estes días en Bruxelas defenderon que o espazo Schengen é igualmente importante para as administracións máis próximas ao cidadán e clave na execución dos programas de cooperación territorial europea, polo que demandan máis participación das autoridades locais e rexionais na xestión do problema.

O pleno contou coa intervención do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, que debateu precisamente cos representantes rexionais e locais da Unión sobre a política migratoria, os desafíos impostos polo cambio climático e as negociacións sobre a permanencia de Reino Unido na UE. O representante galego no Pleno, Jesús Gamallo, pide prudencia ante as condicións que o Consello Europeo acaba de presentar ao primeiro ministro británico, David Cameron, encamiñadas a definir as futuras relacións entre Londres e Bruxelas. “Debe analizarse a proposta con cautela polo risco de involución”, advirte Gamallo.

Indicadores de benestar máis aló do PIB
Ademais, someteuse a aprobación un ditame sobre indicadores do desenvolvemento territorial máis aló do PIB, no que se pide que no reparto de fondos estruturais despois de 2020 se complementen os datos de crecemento económico con outros sociais e medioambientais. O texto debateuse xusto despois da intervención da comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, que debateu cos participantes no Pleno sobre a mellora da política de cohesión da UE.

O representante da Xunta no Pleno, Jesús Gamallo, defendeu que a inclusión doutros indicadores alén dos económicos “é indispensable para que a revisión da política rexional logo de 2020 poida atender as disparidades rexionais”. O director xeral de Relacións Exteriores sinalou que Galicia ten “unha situación demográfica complexa, cunha poboación envellecida e unha taxa de natalidade moi baixa que dificulta seriamente o desenvolvemento da comunidade”.

Por outra banda, o plenario someteu tamén a aprobación un ditame sobre innovación e modernización da economía rural. Nel propóñense, entre outras medidas, o incremento dos Fondos para o Desenvolvemento Rural, estímulos á produción de pequenas empresas e a mellora do banda ancha e do coñecemento en TICs. Os membros do Comité votaron tamén un ditame sobre a recompilación de datos e apoio ao asesoramento científico no sector pesqueiro.

O pleno aprobou en total seis ditames, entre os que destaca un sobre a cooperación europea no ámbito da xuventude, un eido que tivo unha importante presenza na sesión grazas á intervención de Tibor Navracsics , comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte. Os representantes rexionais e locais aprobaron tamén textos relativos á inclusión dos desempregados de longa duración no mercado laboral e á adaptación do turismo a persoas de idade avanzada.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da UE. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este é o primeiro dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2016 para debater as prioridades políticas e emitir ditames sobre as políticas comunitarias.